Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ata 61 persoas faleceron en Galicia por causas atribuíbles á calor no mes de xullo

Ata 61 persoas faleceron en Galicia por causas atribuíbles á calor no mes de xullo

En toda España o ISCIII recolle 771 falecementos polas altas temperaturas 

Imaxe de arquivo (Europa Press) Imaxe de arquivo (Europa Press)
G24.gal 01/08/2024 15:49 Última actualización 01/08/2024 16:39

Ata 61 defuncións poderían rexistrarse en Galicia no mes de xullo polo exceso de calor segundo estimacións do Instituto de Saúde Carlos III. En toda España a cifra chega ata os 771, e foi a cuarta semana a máis afectada con 337 falecementos atribuíbles ás altas temperaturas.

Segundo o Sistema de Monitorización da Mortalidade Diaria (MoMo) do ISCIII, os últimos días de xullo (do 29 a 31) tamén poderían rexistrar máis falecementos atribuíbles á vaga de calor, cunha estimación de 246.

A medida que foi avanzando o mes as estimacións de mortalidade foron crecendo a nivel estatal: 37 na primeira semana, 49 na segunda e 102 na terceira.

No mes de xullo, segundo este sistema de vixilancia de mortalidade diaria, notificáronse 32.582 mortes, cun exceso de 824 "por todas as causas" e delas, 771 son atribuíbles á temperatura.

O ano pasado, as estimacións deste sistema de vixilancia por defuncións atribuíbles ás temperaturas no mes de xullo era algo máis baixa, un total de 686, ata 85 menos.

Destas 771 defuncións atribuíbles a altas temperaturas en xullo, 459 corresponden a mulleres e 312 a homes. Os falecementos estimados pola calor afectan especialmente aos maiores de 65 anos, con 751 casos estimados.

Por autonomías, a Comunidade de Madrid sitúase en primeiro lugar con 208 defuncións atribuíbles ao exceso de calor entre o 1 e o 31 de xullo, seguida de Castela e León, con 96; Castela-A Mancha con 75, Cataluña con 73 e Andalucía con 69.

Galicia ocupa a sexta posición con 61. As que lle seguen son Aragón con 55, a Comunidade Valenciana con 45, Estremadura con 30, A Rioxa con 12, Navarra con 11, Asturias con 10, País Vasco con 7, Canarias e Murcia con 6 en cada caso, Baleares con 4, Cantabria e Ceuta con 1 cada unha, e por último Melilla, onde non houbo ningunha recollida polo ISCIII.

Con motivo das altas temperaturas que se están rexistrando estas semanas en todo o país, o Ministerio de Sanidade vén alertando, en redes sociais, cunha campaña fronte á calor: "protéxete, hidrátate, refréscate e coida das persoas máis vulnerables".

Sanidade publicou un decálogo de recomendacións no que recomenda hidratación e durmir en lugares frescos, e pide ás persoas con maior risco (por idade, embarazo ou algunha patoloxía) que extremen as súas precaucións.

Advirte Sanidade de que entre os signos de golpe de calor está o esgotamento, dor de cabeza, náuseas, mareo, suores, pel fría e húmida, pulso rápido e débil ou febre.

Recomenda Sanidade evitar as bebidas con cafeína, alcol ou moi azucradas, xa que poden favorecer a deshidratación e pide prestar atención a bebés, xestantes, maiores ou persoas con enfermidades que poidan agravarse coa calor, como é o caso das enfermidades cardíacas, renais, diabetes, hipertensión, obesidade, cancro, patoloxías que dificultan a mobilidade, demencia, e outras como a adicción a drogas e alcol.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade