Atacan un bar de praia de Vilaboa que lucía unha bandeira arco da vella
Atacan un bar de praia de Vilaboa que lucía unha bandeira arco da vella
Guindaron mesas e cadeiras, derrubaron a bandeira e selaron as pechaduras
Sospeitan que foi un ataque con motivacións homófobas
Este martes festéxase o Día do Orgullo, e dende hai días nas rúas e establecementos de todo o mundo lucen bandeiras arco da vella e símbolos LGTBI. Igual que no bar da praia de Deilán, en Vilaboa, que a noite do San Xoán sufriu actos de vandalismo precisamente por ondear unha bandeira arco da vella.
O local foi atacado por unha ou varias persoas que arrancaron a bandeira, guindaron polo chan cadeiras, mesas e parasois e mesmo inutilizaron as portas meténdolles cravos. Vándalos ou delincuentes estragaron todo o que atoparon neste local cunha localización privilexiada no medio da ría de Vigo.
Elena Rodríguez Costas, propietaria do negocio, di: "Levo catro anos traballando aquí nos veráns, xestionando o bar, e nunca sufrín ningún acto vandálico. Si que pequenos roubos e cousas así, pero nunca ningún estrago ni ningún acto desta maneira. Á única variante que houbo este ano foi poñer o tema da bandeira polo tema do orgullo. Púxena o sábado pasado, e non chegou nin ao día".
Malia que esta parroquia de Santa Cristina de Cobreso é decotío moi tranquila, non é a primeira vez que sofren actos vandálicos. O que preocupa especialmente é a posibilidade dun ataque con matices homófobos.
Iso dalle folgos a propietaria: "Non está superado, e con este tema teño aínda moitísima máis forza para facer esta reivindicación e este apoio a todos os colectivos, e que teñamos unha sociedade respectuosa, libre e que todo o mundo sentirse seguro.
A propietaria xa presentou unha denuncia na Garda Civil de Moaña e confía en que o bar se manteña como un remanso de paz e concordia.