Atopado o corpo sen vida do mariñeiro xubilado desaparecido en Bueu
Atopado o corpo sen vida do mariñeiro xubilado desaparecido en Bueu
Foi ás 9:30 horas da mañá nun areal da parroquia de Beluso
Localizouse nunha praia de Bueu o corpo sen vida do mariñeiro xubilado desaparecido este venres en Punta Couso, na ría de Aldán.
Segundo fontes da Garda Civil, o cadáver estaba no areal de Tuia, na parroquia de Beluso, e unha persoa que camiñaba pola zona alertou o servizo de emerxencias.
Dende que se lle perdeu a pista, activárase un operativo de busca. O día da súa desaparición, toparon a gamela na que saíra ao mar envorcada e semisomerxida. Tamén aparellos de pesca flotando.
Nos labores de procura participaron os helicópteros Pesca 1 de Gardacostas e o Helimer 211 de Salvamento e a patrulleira Corvo Mariño da Garda Civil. En terra, participaron efectivos de Protección Civil e da Policía Local de Bueu e Cangas.
Á espera da autopsia, a Garda Civil investiga se o pescador caeu á auga cando lanzaba o aparello ou se sufriu unha indisposición.