Atopan con vida o home desaparecido en Pol e continúa a busca do de Abadín
Atopan con vida o home desaparecido en Pol e continúa a busca do de Abadín
O home de 72 anos foi localizado en estado consciente
En Abadín, continúa a procura de Enrique Bolívar, un octoxenario que foi visto por última vez o pasado domingo
O dispositivo coordinado pola Garda Civil para dar co paradoiro de Manuel Rodríguez logrou o seu obxectivo. Tras dous días de busca, o veciño da parroquia polense de Carazo, de 72 anos, finalmente apareceu e encóntrase en bo estado.
Ademais dos axentes, participaron na súa procura efectivos de Protección Civil, con medios aéreos e cans de rastrexo. Segundo sinalan os veciños, a gran cantidade de vexetación que hai na zona dificultou os labores de busca.
O septuaxenario adoita camiñar grandes distancias, o que fixo temer que había tardar máis en aparecer. Malia todo, a súa desaparición tivo un feliz desenlace.
Mentres, en Abadín, continúa a procura de Enrique Bolívar, un octoxenario que foi visto por última vez o pasado domingo. O dispositivo púxose de novo en marcha ás nove da mañá, ao redor da casa do octoxenario desaparecido, dado que a última vez que foi visto estaba a uns douscentos metros do seu domicilio
Están a participar na procura axentes da Garda Civil, veciños e efectivos dos servizos de emerxencias, que contan co apoio dun helicóptero, drons e guías caninos.