Atopan en Vilaboa un chourizo con veleno usado para caracois, que é letal tamén para carnívoros
Atopan en Vilaboa un chourizo con veleno usado para caracois, que é letal tamén para carnívoros
Foi un veciño quen o atopou á beira dun camiño, na parroquia de Bértola
O Seprona levouno para analizar a substancia, que pode ser o veleno usado para matar lesmas e caracois nas hortas
Preocupación entre os veciños da parroquia de Bértola, en Vilaboa, polo achado dun chourizo envelenado nun camiño do barrio de Outeiro.
A substancia que contiña o embutido é, ao parecer, veleno que se usa para matar caracois e lesmas nas hortas, pero que pode ser mortal tamén para os carnívoros.
Atopouno un veciño á beira dun camiño que conduce ao monte, bastante transitado por sendeiristas e xente pasando cos cans. Os feitos xa foron postos en coñecemento do Seprona, que levou o chourizo para analizalo.
A través dun grupo de WhatsApp da veciñanza deuse a alerta do achado. O veleno pode ser mortal para carnívoros e, xa que logo, cundiu a preocupación ante a posibilidade de que os cans ou os gatos da contorna coman do velenoso bocado.
É a primeira vez que atopan algo así. Os veciños non desbotan que poidan aparecer máis chourizos envelenados na contorna.