Desartellado un grupo furtivo dedicado á pesca de meixón en Valdoviño
Desartellado un grupo furtivo dedicado á pesca de meixón en Valdoviño
Tiñan redes colocadas de xeito estratéxico e suxeitas con ferros e cordas atadas a árbores e pedras no leito
Usaban trueis para extraer o meixón e tamén dispuñan dunha gran nasa rectangular dun metro cúbico
O Servizo de protección da Natureza (Seprona) da Coruña desartellou un grupo de furtivos de meixóns mentres pescaba de madrugada nun río de Valdoviño.
Segundo informa o instituto armado, os axentes sorprenderon a catro veciños da localidade de Cedeira cando capturaban esta especie con artes de pesca ilegal.
Os axentes constataron a presenza de redes estratexicamente colocadas e suxeitas con ferros e cordas atadas a árbores e pedras no leito do río. Os furtivos usaban trueis para extraer as crías da anguía e tamén dispuñan dunha gran nasa rectangular dun metro cúbico.
Ante a vixilancia das autoridades, os individuos tentaron fuxir en dous vehículos, un deles funcionaba como lanzadeira para alertar de posibles controis policiais e no outro levaban as capturas.
Sen facer casos ás ordes dos axentes para que parasen os vehículos, abriron a porta e botaron os meixóns pola estrada.
Actividade ilícita habitual
Na intervención, comisaron sete trueis artesanais, caixas de plástico modificadas para a captura do meixón, a nasa e os dispositivos fixos instalados na beira do río. O material formaba parte do modus operandi da banda para realizar esta actividade ilícita de xeito habitual.
Os infractores foron denunciados ante a Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña por presuntos delitos contra o medio ambiente (furtivismo), e ante a Consellería de Medio Ambiente e Xefatura Provincial de Tráfico por outras presuntas infraccións cometidas.