Publicador de contidos
Publicador de contidos

Atopan restos humanos nunha área de descanso da N-120, no Pereiro de Aguiar

Atopan restos humanos nunha área de descanso da N-120, no Pereiro de Aguiar

Unha persoa que paseaba este domingo á tarde pola zona atopou os ósos e avisou a Garda Civil

A aparencia dos restos indica que son antigos, duns 15 anos ou máis

G24.gal 11/04/2023 10:45

A Garda Civil abriu unha investigación para esclarecer a aparición duns restos óseos nunha área de descanso da N-120, ao seu paso polo concello do Pereiro de Aguiar, e que poderían ter polo menos 15 anos de antigüidade.

Segundo informan fontes da Benemérita, os ósos foron atopados esta pasada fin de semana por unha persoa que estaba a dar un paseo sobre as seis da tarde do domingo pola zona e alertou os axentes.

A aparición tivo lugar á altura do quilómetro 557 da estrada que vai de Ourense a Monforte de Lemos. Ata o lugar desprazouse a Garda Civil para acordoar a zona e recuperar os restos atopados. Trátase dunha zona próxima ao río Miño, onde se atopa o encoro de Velle.

Os ósos, explicaron estas mesmas fontes, estaban "moi deteriorados e non eran recentes", polo que os axentes procederon ao seu levantamento e posterior traslado ao centro de Antropoloxía forense do Imelga en Verín para a súa análise.

Fontes da investigación indicaron que "se descoñece" a súa orixe, aínda que manteñen todas as hipóteses abertas, xa que nas proximidades hai un cemiterio ademais do propio encoro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade