Atopan no Corgo o cadáver dun ciclista horas despois da súa desaparición
Atopan no Corgo o cadáver dun ciclista horas despois da súa desaparición
O falecido, veciño de Lugo, apareceu ao carón da súa bicicleta
O 112 Galicia informou da aparición do corpo sen vida dun home no Corgo ao lado da súa bicicleta. O falecido era un home que desaparecera en Lugo.
Ata alí desprazáronse efectivos da Policía Nacional, Policía Local e Protección Civil de Lugo. Agora tratan de esclarecer cales foron as circunstancias do suceso.
🔴#AXEGAInforma dun home que desaparecera en Lugo e que foi localizado falecido nunha pista do concello de #OCorgo ao lado da súa bicicleta. Arestora, as forzas da orde tratan de esclarecer as circunstancias do suceso. Interviñeron: @policia, #PolicíaLocal e #ProtecciónCivilLugo. pic.twitter.com/lX6JSVNER4
— 112Galicia (@112Galicia) June 23, 2022
A morte deste home, de 69 anos, a quen atopaban falecido nun prado a carón da estrada que comunica as aldeas de Adai e Queizán está sendo investigada.
De momento non se sabe cales foron as causas da morte. Terá que ser a autopsia a que determine se lle foi mal, e polo tanto sería unha morte natural, ou sufriu algún tipo de accidente.
Non hai sinais que den pistas do que aconteceu. Entre as hipóteses está que o falecido baixara dirección Adai e lle fose mal, precipitándose polo muro duns dous metros de altura que fai de contención do firme da estrada. Tamén puido pasar que fora en dirección Queizán e un vehículo o botara fóra da estrada. A Garda Civil está a investigar o que aconteceu.
Nun primeiro momento a desaparición foi denunciada diante da Policía Nacional de Lugo, xa que o home pertencía a este concello. A familia alertou de que non volvera a casa despois de facer unha das súas habituais saídas en bicicleta pola contorna.
As poucas horas estaba en marcha un operativo de busca no que participaba a Policía Nacional, a Policía Local e Protección Civil de Lugo. Finalmente horas despois atopaban o corpo do desaparecido seguindo un dos percorridos que facía habitualmente a uns vinte quilómetros da casa.
O corpo do home foi levantado sobre as dez da noite e trasladado a Lugo para a facerlle da autopsia. Os axentes investigan as circunstancias da morte, xa que o home malia aparecer xunto á bicicleta na que saía a facer deporte, o corpo non estaba na estrada.
O único sinal que queda do desafortunado suceso é un anaco de casco vermello que o falecido levaba no momento en que se precipitou ao prado.