Publicador de contidos
Publicador de contidos

Atopan un raposo nunha gaiola e máis animais en catividade nun predio do Rosal

Atopan un raposo nunha gaiola e máis animais en catividade nun predio do Rosal

Tamén había un gato doméstico no interior doutra gaiola, tres corvos, 23 pombas e outros animais

Garda Civil Garda Civil
G24.gal 16/07/2024 11:12

A Garda Civil localizou un raposo no interior dunha gaiola nunha leira anexa ao domicilio dun veciño do municipio pontevedrés do Rosal de 69 anos. Tamén había un gato doméstico no interior doutra gaiola trampa e un total de tres corvos, 23 pombas, dez delas de raza rula, unha torcaza e once mensaxeiras, dúas delas aneladas.

Ademais, tal e como informou o Instituto Armado, no interior dun alpendre dividido en tres estancias destinado a galiñeiro, atopáronse 22 galiñas e un pato, e na segunda estancia, seis pitos destinados a autoconsumo.

Igualmente, detectáronse tres coellos adultos no interior dunha coelleira e doce crías para autoconsumo, segundo manifestou o seu propietario, e tamén dous porcos que, de igual forma que as galiñas, estaba nun habitáculo que non reunía as medidas hixiénico-sanitarias necesarias.

De todo iso, os axentes tiveron coñecemento a través dunha colaboración cidadá. Así, informaron o propietario de que os feitos supoñen unha serie de irregularidades en relación co disposto na normativa vixente en materia de caza e sanidade animal.

A seguir, tras poñerse en contacto co Servizo de Patrimonio Natural da Xunta, fixeron entrega da fauna e liberaron ao medio natural 21 pombas domésticas, 12 rulas e unha pomba torcaza. Mentres, o raposo e os corvos foron derivados ao Centro de Recuperación Animal de Cotobade, entregados voluntariamente polo denunciado.

A Garda Civil destaca que a posesión de pezas de caza vivas ou mortas, como o raposo intervido, sen que poida xustificarse a súa posesión nos períodos hábiles de caza, carrexa unha multa de 601 a 6.000 euros para as infraccións graves.

Así mesmo, a posesión e captura de animais silvestres sen autorización está castigada con multa de 600 a 3.000 euros. Non manter as condicións hixiénico-sanitarias dos animais e carecer dos rexistros necesarios (galiñas, coellos, porcos…) pode ser sancionado con multa de 100 a 500 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade