Atraca unha gasolineira dúas veces en 48 horas
Atraca unha gasolineira dúas veces en 48 horas
A pesar de que o individuo cubría parte do rostro cun suadoiro, foron quen de identificalo
Xa foi detido o autor de dous atracos en apenas 48 horas na mesma gasolineira de Sada. A casualidade fixo que ademais as vítimas do asalto fosen os mesmos empregados. Un deles é Iván, que respira hoxe un pouco máis aliviado tras a amarga experiencia que lle tocou vivir nos últimos días por partida dobre. Leva só 7 meses traballando nesa gasolineira e o sábado foi vítima dun atraco, xunto á súa compañeira de quenda. O delincuente entrou na tenda, fixo unha compra e cando ía pagar, como el relata, díxolle que non tiña cartos e que tiñan que darlle ademais os da caixa, ameazándoos cunha lima de carpinteiro.
O atracador levou uns 200 euros. Iván e a súa compañeira aínda non se recuperaran do susto, e onte pola mañá recibiron de novo a visita do mesmo individuo, que ameazou a Iván para que lle entregase os cartos da caixa: uns 300 euros.
A pesar de que o individuo cubría parte do rostro cun suadoiro, foron quen de identificalo. Decatáronse de que xa o viran días antes, probablemente estudando o terreo. Grazas a eses datos e á gravación das cámaras de seguridade, a Garda Civil detívoo nas últimas horas.
Os responsables e empregados da gasolineira gabaron a rápida e eficaz actuación das forzas de seguridade.