Atracan armados cunha pistola a sucursal bancaria de Vilardevós
Atracan armados cunha pistola a sucursal bancaria de Vilardevós
A Garda Civil busca dous homes que fuxiron co contido da caixa forte e cos cartos do caixeiro
As forzas de seguridade sospeitan que podería haber unha terceira persoa implicada no asalto
Un caixeiro fóra de servizo é o único rastro do atraco que este venres deixou inutilizada a sucursal bancaria de Vilardevós. Os ladróns fixéronse co contido da caixa forte e con todos os cartos que había que, segundo se comenta na zona, poderían ascender a 60.000 euros.
"Estabamos facendo as comidas cando veu un señor que ía ao caixeiro e díxolle o do banco que non tiña cartos, que acababan de atracalo. Aínda estaba alí a Garda Civil", explica Clara, que ten un restaurante ao carón da sucursal.
Segundo lles contou o xestor da oficina aos axentes da Garda Civil, os atracadores, de mediana idade, levaban a cara tapada con capuchas, máscaras e lentes grosos. Un tiña acento suramericano e o outro español e comunicábanse cun terceiro, a través dun radioteléfono.
Os fuxidos asaltaron a oficina tras intimidar o xestor cunha pistola e despois de inmobilizalo con bridas. O procedemento resúltalle familiar á veciñanza.
"Hai 3 ou 4 anos tamén pasou. No mes de Nadal, un só porque o outro estaba de vacacións, á mesma hora, día chuvioso...", lembra Clara.
Tres veces
En catro anos, é a terceira vez que atracan a sucursal. Nunha delas, arrincaron o caixeiro do sitio, pero non conseguiron abrilo. Desta volta, inutilizaron as cámaras de videovixilancia cun spray.
Descoñécese cara onde fuxiron, así que a Garda Civil xa pediu a colaboración de Portugal.