Atracan un matrimonio pistola en man na súa vivenda de Ribadumia
Atracan un matrimonio pistola en man na súa vivenda de Ribadumia
O home deulles uns 800 euros que levaba no peto porque tivera que facer un pago e advertiunos de que estaba agardando a visita do seu fillo
O atraco produciuse contra as 7 da tarde nunha vivenda da parroquia do Freixo, en Ribadumia. No interior estaban o propietario, a muller e a súa nai convalecente no primeiro andar.
O propietario estaba agardando a visita dun fillo e cando veu unhas sombras no exterior asomouse a comprobar se era el. Atopouse cos dous asaltantes encapuchados na porta. Intentou resistirse e pechala pero apuntárono con dúas pistolas e tivo que cederlles o paso.
Os atracadores, con acento suramericano, insistían en que lles deran os cartos que tiveran na casa ameazándoos coas armas. Ataron ao matrimonio con bridas e pecháronos na despensa. O home deulles uns 800 euros que levaba no peto porque tivera que facer un pago e advertiunos de que estaba agardando a visita do seu fillo. Daquela conformáronse co botín e fuxiron nun coche onde agardaba unha terceira persoa. A nova do atraco correu como a pólvora entre a veciñanza do Freixo, e a sensación de intranquilidade tamén. A Garda Civil investiga o caso.