Atracan un taxista de Cambre botándolle spray de pementa nos ollos
Atracan un taxista de Cambre botándolle spray de pementa nos ollos
Non lograron roubarlle a recadación, pero tivo que ser atendido no ambulatorio
Os taxistas de Cambre piden que se reforce a vixilancia policial, sobre todo polas noites
Co susto no corpo e ollos aínda irritados Rafael regresa ao traballo. Isto débese ao atraco que sufriu na madrugada do martes. Estaba de garda dentro do coche cando sentiu que alguén petaba na ventá do copiloto.
"Non vía ben as cabezas de quen petaba e abrín. Foi todo moi rápido, botáronme o gas pementa nos ollos, ardíanme, só vin que ían de negro e que levaban pasamontañas na cabeza", explica Rafael.
Cegado polo efecto do spray nos ollos, saíu do taxi, tropezou e caeu sobre esta beirarrúa. Tanto berrou pedindo o auxilio da policía e os veciños, que os asaltantes fuxiron cara á zona da igrexa.
A fuxida foi rápida e non lograron facerse coa recadación. Só tiveron tempo de roubarlle o móbil e desfacerlle o TPV. Ademais tivo que ser atendido no ambulatorio porque sentía que lle ardían os ollos.
"Cheguei moi nervioso e me botaron soro nos ollos, estaban moi vermellos e inchados", conta Rafael.
Confía en que se trate dun feito illado, pero xa denunciou o atraco ante a Garda Civil. Apoiado polos seus compañeiros, pide máis vixilancia policial, sobre todo polas noites: "Para nós o feito de que a policía dea voltas co coche é moi importante, é disuasorio para os ladróns". "Sobre todo pola noite estamos desprotexidos, só hai unha patrulla no concello". "Hai moi pouca policía ultimamente en Cambre, e co cuartel da Garda Civil non abonda", din algúns taxistas da zona.
Na pandemia xa sufrira un asalto pistola en man, e este novo golpe fai que Rafael estea pensando en adiantar a xubilación despois de 24 anos dando servizo aos veciños de Cambre.