Atrasos de horas e perdas de enlaces entre os afectados polo peche de Peinador
Atrasos de horas e perdas de enlaces entre os afectados polo peche de Peinador
Os viaxeiros queixábanse de falta de información
A algúns desviados a Santiago non lles puxeron transporte ata Vigo
No aeroporto de Santiago puidemos falar con algúns dos afectados polo peche de Peinador. Entre eles unha parella que partira de Alacante e prevía aterrar en Vigo contra a unha do mediodía, pero ao facer escala en Madrid souberon que o voo se anulara. Levoulles horas lograr que os recolocaran nun servizo a Santiago.
O mesmo pasoulle a Ana, que ía a Vigo procedente de Roma, e tamén recalou en Santiago coa promesa dun autobús ao seu destino final, que horas despois de tomar terra esperaba que se cumprise.
Carlos tiña que volver ao seu traballo en Barcelona, despois duns días de vacacións en Galicia, e mercou outro billete desde Santiago antes de que a compañía aérea lle dese unha solución.
Teresa está preocupada pola viaxe da súa filla. Ía para México nun voo ben enlazado e agora terá que facer noite no aeroporto de Madrid. Carlos, que tamén ten por destino México, dicía que estaba indignado.
Son só algúns exemplos dos trastornos ocasionados entre os viaxeiros que tiñan hoxe por orixe ou destino o aeroporto de Vigo.