Publicador de contidos
Publicador de contidos

"O coche seguía marcha atrás, e eu intentando escapar, ata que parou e entón levanteime"

"O coche seguía marcha atrás, e eu intentando escapar, ata que parou e entón levanteime"

Das doce persoas atropeladas por un home de 95 anos en Vigo, só permanece hospitalizada unha nonaxenaria que ía en cadeira de rodas 

G24.gal 08/07/2024 14:10 Última actualización 08/07/2024 14:48

Un home de noventa e cinco anos levou por diante co seu coche a terraza dun céntrico restaurante de Vigo ateigada onte de clientes que estaban a comer tranquilamente unha tarde de verán de domingo. Segundo as primeiras investigacións, o home trabucouse e deu marcha atrás co seu coche automático atropelando doce persoas, das que cinco tiveron que ser hospitalizadas. 

Un día despois as vítimas do atropelo seguen co susto no corpo. A peor parte levouna un dos empregados do local, Benito Faro, que conta que "A verdade é que a metade do tempo nin me decatei, eu camiñaba, non sei se levaba pratos, bandexas, o que... Cando cheguei onde  a xardineira escoitei un ruído e a parte de atrás dun coche que daba marcha atrás zapateoume, tiroume ao chan. Pero o coche seguía marcha atrás, e eu arrastrándome polo chan intentando escapar, ata que parou e entón levanteime".

El e outras doce persoas resultaron feridas. Moitas foron atendidas no propio local por médicos que estaban nel, e outras cinco tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario. Alí só permanece en observación unha muller de 94 anos que ía en cadeira de rodas e sufriu policontusións.

É a tía de Juan Antonio Pérez Amoedo que relata como o viviron: "Estabamos alí comendo coa miña irmán, a sobriña e a miña tía e estabamos a piques de pagar, cando pedimos a conta o bo home entrou co coche e arramplou con todo o mundo, todo o mundo e cousas polos aires, cristais e todos, e imaxinen o medo de todo o mundo, co susto no corpo". 

Outra testemuña conta que "era un señor maior, logo lin na prensa que tiña 95 anos, pero non os aparentaba. Era un señor maior cun coche automático e imaxino que se despistou, ou esqueceu cambiar a marcha, un accidente".

O condutor, que deu negativo nas probas de alcol e drogas, marchou do lugar conducindo o vehículo sinistradoA policía solicitoulle á Dirección Xeral de Tráfico unha revisión psicotécnica extraordinaria do condutor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade