Augas de Galicia reunirase cos concellos afectados pola prealerta de seca para a semana
Augas de Galicia reunirase cos concellos afectados pola prealerta de seca para a semana
Salvo os ríos do norte de Lugo, toda a demarcación de Galicia-Costa se mantén nunha situación de seca prolongada
A situación dos ríos e os encoros empeora. Cada día máis concellos barallan novas medidas como pechar a subministración pola noite, prohibir encher as pisicinas e regar parques e xardíns. En Vigo, comezaron por intentar reducir o consumo nos areais diminuíndo o tempo e a presión da auga das duchas.
Sen previsión de chuvia, o panorama é pouco alentador. O caudal do Tambre reduciuse á metade no último mes e o do río Grande ao corenta por cento. Ante esta escaseza de auga, a Xunta ampliou a prealerta a estas dúas bacías que abastecen a comarca de Santiago e concellos da Costa da Morte, un aviso que xa estaba activado no río Anllóns e no Lérez.
A semana que vén, Augas de Galicia reunirase cos concellos implicados segundo adiantou Gonzalo Mosqueira, xerente do organismo autonómico
Imos convocalos ao longo da semana que vén para ver en detalle a súa situación concreta, concello a concello, en función dos seus abastecementos e das súas demandas e ver que solucións alternativas teñen en cada concello.
Cunha seca prolongada dende hai meses, toda a demarcación Galicia-Costa encóntrase nunha situación semellante, a excepción do norte da provincia de Lugo.
Augas de Galicia fai un seguimento moi de preto dos encoros que abastecen a Vigo, Nigrán e Baiona.