Aumenta a demanda de obradoiros florais na primavera, sobre todo, para aprender a secar flores
Aumenta a demanda de obradoiros florais na primavera, sobre todo, para aprender a secar flores
Hai cursos para aprender a colocar as flores no cemiterio e, sobre todo, para saber secalas
Algúns achéganse na busca dunha nova oportunidade laboral
Criarse entre flores marca. Tras graduarse na Universidade, á hora de ter fillos, Verónica Souto, florista e floricultora, non o pensou dúas veces. Quería que se criasen na aldea como ela e ao non ter traballo fixo, pensou en traballar coas flores entre as que levaba toda a vida. De aí saíu Floradeira.
"Este sitio é A Palleira de Floradeira, era a palleira do meu avó, regalouma para en vez de ter aquí palla seca, ter flores secas e traballar. Lanceime ao emprendemento e apostei pola venda en liña".
Cultiva flores que seca e preserva ela mesma, no val de San Xulián de Vigo, en Paderne, ou mércaas nos arredores sempre que pode en cultivos orgánicos. A clientela foille pedindo obradoiros, algún moi curioso como aprender a colocar as flores no cemiterio.
Di que teñen asistido homes, pero sempre en minoría. A maioría das alumnas son mulleres, desde nenas pequenas ata avoas de 82 anos.
O que máis curiosidade desata é saber como se secan as flores.
Ao traballar maiormente con flores secas, Verónica mesmo chancea cun nome para definir o seu estilo.
"Os traballos en flor seca son moi silvestres, o enxebre style".
Algúns pupilos encontraron traballo ou montaron un negocio tras os seus cursos en que aprenden máis que a facer un simple arranxo.
"Unha parte da miña intención é que a xente vexa o traballo que hai detrás. Poñer en valor as flores que temos aquí, as que se cultivan desde sempre".
Ademais dos cursos, está inmersa na publicación dunha colección de arranxos florais para vodas e comuñóns e dun libro para os amantes das flores, coma ela.