Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tráfico aumenta a vixilancia nas estradas con vistas á noite de san Xoán

Tráfico aumenta a vixilancia nas estradas con vistas á noite de san Xoán

A Garda Civil aumentará o número de controis de alcol e drogas durante o verán

Constátase un incremento de accidentes nos que se detectan inxestas de alcol elevadas

No que vai de ano trinta e sete persoas perderon a vida nas estradas galegas

G24.gal 10/06/2023 14:51 Última actualización 10/06/2023 18:42

Con trinta e sete persoas falecidas no que vai de ano en accidentes de tráfico nas estradas galegas, oito máis ca o ano pasado a estas alturas, a Garda Civil de Tráfico está moi atenta á evolución da sinistralidade viaria. Constata un incremento dos accidentes nos que a inxesta de alcol está detrás do sinistro.

"Despois do paro da covid, que estivemos un par de anos de paro, observamos que hai unha repunta de casos tanto en accidentes coma fóra de accidentes, con taxas de alcol elevadas", manifesta Antonio Rodríguez Cid, Tenente xefe no destacamento da Garda Civil de Tráfico da Coruña.

Ante a inminencia do período estival, os axentes xa están a traballar nun operativo especial para garantir a seguridade viaria. Así, con vistas á festividade de San Xoán, incrementarán a vixilancia nas estradas galegas.

"Dende o sector estase deseñando un operativo especial onde se intensificarán os controis móbiles e aleatorios de drogas e velocidade para detectar aquelas condutas máis perigosas dos condutores", asegura o tenente xefe da Garda Civil de Tráfico.

Tras o accidente hai dous meses en Xove, no que perderon a vida catro mozos cando volvían dunha festa, a Garda Civil de Tráfico insiste en non baixar a garda en ningún momento.

"A hora das festas, nas voltas aos domicilios, se se toma alcol ou outras substancias, tratar de usar o transporte público, senón o condutor alternativo, que non tomara nada de alcol", recomenda Antonio Rodríguez.

Os traxectos máis perigosos son os curtos, preto do domicilio e por estradas sen separación de carrís. Respectar as normas e manter a atención na condución en todo momento é o mellor xeito de garantir a seguridade de todos os usuarios da vía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade