Aumentan os ingresos por infeccións respiratorias asociadas á gripe
Aumentan os ingresos por infeccións respiratorias asociadas á gripe
Hai 432 persoas hospitalizadas por gripe e 138 por covid
Sanidade amplía a campaña de vacinación ata o 12 de xaneiro
Os virus e as infeccións respiratorias tardaron en chegar, pero circulan e baten con forza. Aumentan as consultas e as hospitalizacións, sobre todo, por infeccións respiratorias asociadas á gripe.
Malia que o pico de incidencia chegará nas vindeiras semanas, hai 432 persoas ingresadas, das que 20 están na UCI. Ademais, as consultas en atención primeira aumentaron preto dun 25 %. Por covid hai 138 persoas ingresadas, 9 delas en coidados intensivos.
A Consellería de Sanidade anunciou a ampliación da campaña de vacinación da gripe e da covid dende o 31 de decembro inicial ata o 12 de xaneiro.
Poboación vacinada
Segundo os últimos datos, en Galicia vacináronse contra a gripe máis de 760.000 persoas. O 48 % da poboación menor de cinco anos está inmunizada e tamén o 81 % do grupo de maiores de 80.
No referente á covid, vacináronse ata o de agora 637.000 persoas, máis do 65 % da franxa de maiores de 60. Iso son dez puntos por riba da media estatal.
As embarazadas, os grupos de risco e as persoas maiores de 60 poden poñer a vacina da gripe e da covid nos hospitais públicos. Tamén poden facelo, só contra a gripe, nos centros de saúde, xunto a fumadores e menores de cinco anos.
A poboación diana que desexe vacinarse e aínda non o fixo está a tempo de protexerse.
"Esperamos que o pico máximo de incidencia da gripe se produza a finais de xaneiro, co cal aínda estamos a tempo xa que as vacinas da gripe e da covid protexen aos dez ou quince días", explica o xefe de inmunoloxía do CHUS.
As complicacións pola gripe motivan o ingreso hospitalario de 30 de cada 100.000 maiores de 60 anos. É un dos grupos prioritarios da campaña de vacinación, que tamén está dirixida aos nenos.
"Os nenos menores de cinco anos hospitalizan pola gripe. Hai moita carga hospitalaria, unha taxa arredor do 15 %", sinala José Gómez Rial.
O inmunólogo José Gómez Rial subliña que a alta adherencia á inmunización dos máis cativiños fronte a outro virus respiratorio, o sincitial, reduciu notablemente os ingresos de bebés por bronquiolite.
"Nesta mesma semana o ano pasado, que non tiñamos esta vacina, a taxa de hospitalización por virus respiratorio sincitial en menores de seis meses, que son o grupo diana, era de 300 persoas por cada 100.000 habitantes; este ano é de 25", puntualiza o inmunólogo.
Galicia foi a primeira comunidade en administrarlles o anticorpo contra este virus aos bebés. Un 93 % dos acabados de nacer xa recibiron a inmunización.