Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno di que o seu "obxectivo claro" é "reverter" o veto á pesca de fondo

O Goberno di que o seu "obxectivo claro" é "reverter" o veto á pesca de fondo

G24.gal 03/10/2022 14:38

O Goberno de España ultima os aspectos xurídicos na loita contra veto da Comisión Europea á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico. Alicia Villauriz, secretaria xeral de Pesca, explicou que queren "presentar un recurso que teña todos os elementos que permitan demostralo dende un punto de vista xurídico, porque tecnicamente sabemos os fallos que hai, para que sexa un revulsivo para reverter ese acto de execución".

Non hai data pechada nin garantía de que o recurso chegue antes da aplicación da nova normativa europea. Na inauguración do congreso previo a Conxemar, fronte a máis de 300 profesionais, autoridades e expertos abordaron as consecuencias do regulamento. 

Un dos poñentes invitados, Fernando González Laxe, experto en economía pesqueira cre que "a Comisión Europea e Comisario de Pesca están errados. Non son conscientes do que significa o sector pesqueiro que é básico e estratéxico. Pódennos formular ao sector un debate para escoller entre ser produtivo, ecoloxista ou defensor do mercado a ultranza".

O director de pesca da FAO, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, Audum Lem, apostou pola busca do equilibrio, e engadiu: "A sostibilidade social é tamén fundamental. Temos boas prácticas e outras que poden ser melloradas, pero debemos ser optimistas e amosar que a través das políticas boas pódese mellorar a situación".

Durante os próximos tres días, Vigo convértese na capital de produtos do mar conxelado. Na feira Conxemar, que comeza este martes con máis de 700 expositores de 40 nacionalidades, abordaranse os desafíos do sector. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade