Pérez Sieira: "Creo que os tribunais nos van dar a razón sobre as restricións á pesca de fondo"
Pérez Sieira: "Creo que os tribunais nos van dar a razón sobre as restricións á pesca de fondo"
O presidente da Federación Galega de Confrarías afirma que non fan dano aos fondos das 87 zonas pechadas pola Comisión Europea
José Antonio Pérez Sieira considera "moi importante" o Plan de Marisqueo da Xunta, que prevé 123 millóns para buscar sementes máis resistentes aos cambios nas augas das rías
Advirte: "Vai vir a próxima colleita para os mariscadores, non temos marisco e temos moi pouquiña cría"
O presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores José Antonio Pérez Sieira considera que o Tribunal Xeral da Unión Europea vai dar a razón ao sector pesqueiro para botar abaixo as restricións impostas pola Comisión Europea á pesca de fondo. Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.
O tribunal acolle este xoves en Luxemburgo a vista oral do proceso que abordará o recurso presentado por máis dunha quincena de colectivos, entre eles a Organización de Produtores Pesqueiros de Burela.
Pérez Sieira sinala: "Temos esperanza porque cremos que temos a razón, porque se tomaron medidas que non se deberan tomar sen facer estudos socioeconómicos de onde traballaba a frota e, ademais, somos conscientes de que non facemos dano. O dano que se lle fixo foi á pesca de palangre de fondo, que case non toca fondo ningún. Isto foi unha cousa preparada para o arrastre, en cambio non lle afecta case nada ao arrastre".
Nese sentido, afirma: "Sabemos como se está gobernando hoxe en día. Sabemos que ao comisario de Pesca [Virginijus Sinkevicius], por activa e por pasiva, lle dixemos que se revisase e antes de pechalas que se mirasen as cousas e non fixeron moito caso. Vai marchar e volve contraatacar, non lle chegaba con 87 zonas, senón que quería pechar cento e pico de zonas".
Sobre o plan presentado polo Xunta, que inclúe 123 millóns de euros para mellorar a competitividade do marisqueo, o presidente da Federación Galega de Confrarías considera que "está moi ben". "Pon en valor unha axuda de 123 millóns para estes dous anos para intentar rexenerar [os bancos marisqueiros] e axudar ás entidades, confrarías, mariscadores, pero, claro, o que viñamos botando en falta era o tempo, que se nos vai, porque vai vir xa esta próxima colleita para os mariscadores e non temos marisco e temos moi pouquiña cría".
Entre as medidas do Plan hai unha Mesa do Marisqueo integrada por científicos que buscarán como producir sementes e facelas máis resistentes, precisamente, á baixa salinidade das rías e aos cambios ambientais. José Antonio Pérez Sieira di: "Levabamos tamén estudando unha fórmula para o berberecho cando atacou o tema da Marteilia na ría da Arousa e buscamos unha fórmula dun marisco que sexa máis resistente á auga doce e ás temperaturas que estamos tendo agora nas augas. Iso é moi importante para nós, porque sería un marisco que podería aguantar estes cambios climáticos que está habendo".
Adianta: "A consellería do Mar xa vai sacar este mes, a mediados, dúas ordes para o tema das axudas dos mariscadores, que se sacaron para os mariscadores a flote, pero faltan as das mariscadores e mariscadoras a pé, que se están estudando agora. Estívose estudando cal era a mellor fórmula para cando ían cobrar esta clase de axudas e cantos non poderían. Son máis de 3.100 mariscadores e hai moitos que están xa en cesamento de actividade, outros están de baixa médica, polo que había que ir descartando e sacando para ver como podían ser as axudas. Aí había un problema".
O presidente da Federación Galega de Confrarías informa: "Van sacar tamén unha partida de axudas a mediados deste mes para o tema de rexeneración, para poder comprar semente de rexeneración. Vaise sacar tamén unha partida para as entidades que teñen problemas para manter os seus biólogos e manter os seus vixiantes nas vixilancias nas confrarías. O máis importante é que o fagan xa, porque hai confrarías que xa o están pasando moi mal".