Publicador de contidos
Publicador de contidos

Autorizan a retirada dos cans que atacaron unha muller en Muíños

Autorizan a retirada dos cans que atacaron unha muller en Muíños

Ante a negativa dos donos a entregalos voluntariamente, a consellería de Medio Ambiente recorreu ao xulgado

A vítima do ataque aínda non está recuperada

G24.gal 05/04/2023 14:40

En canto nos achegamos á casa dos cans, eles mesmos saen a recibirnos. Son os mesmos animais que o pasado 26 de xaneiro atacaron a Feliciana Romero, veciña de Barxés, en Muíños. Ía aos grelos cando os cans, que viven uns metros máis alá da súa casa, se botaron a ela. Di que se salvou de milagre, grazas á intervención da dona dos animais. Hoxe aínda non está recuperada.

Feliciana Romero, vítima do ataque dos cans: "Aguantando, simplemente. As feridas de fóra van cicatrizando. As interiores son as máis malas de pasar".

Leva máis de dous meses de médico en médico. Hoxe ía ao podólogo, precisa fisioterapia polo dano que a coxeira lle fai nas costas, e o oftalmólogo aínda lle dá tres meses para recuperarse da lesión do ollo. Pero o peor, asegura, é o dano psicolóxico.

"Estou facendo o que podo, a base de calmantes e sedantes, pero estou moito máis agresiva, á defensiva. Non sei nin ir á aldea de aí arriba eu soa", lamenta Feliciana.

Intentamos falar cos donos dos cans, pero non quixeron. O caso está no xulgado, por partida dobre: a vía penal, polas lesións, e a administrativa.

"Hai aí unha algazara que eu non sei como o consenten: catro bichos así nunha casa e no medio da aldea", di Manuel, o home de Feliciana.

A xefa de Medio Ambiente en Ourense acordou a retirada provisional dos animais aos poucos días do ataque, pero os donos negáronse a entregalos voluntariamente, polo que o caso acabou no xulgado, acumulando atrasos.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade