Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os operadores de drons chegan a 5.000 en tres anos en Galicia

Os operadores de drons chegan a 5.000 en tres anos en Galicia

A formación especializada e as saídas laborais impulsan o sector

G24.gal 24/01/2024 14:41 Última actualización 24/01/2024 14:51

Os avións non tripulados son xa un dos sectores tecnolóxicos de maior crecemento mundial e Galicia está presente tamén no mercado que non parou de medrar nos últimos anos.

"Cando nós comezamos en España eramos 2.000 pilotos e agora hai 75.000, imaxina a cantidade de xente que se meteu neste sector", conta Rufino García, xerente de RGS Dron.

Só nos últimos tres anos hai 5.000 novos operadores que traballan con drons en Galicia, porque aquí hai formación especializada e moitas saídas laborais. 

"Detectamos que moito alumno formado en aeromecánica que antes tiña que marchar de Galicia a buscar traballo. Agora o curso de especialización de aeronaves non tripuladas permítelles quedar aquí porque hai máis industria en drons, especialmente a raíz do polo aeronáutico do aeródromo de Rozas", explica Luís Abelleira, profesor especialista en aeronáutica do CIFP As Mercedes.

A demanda de operacións que se realizan con drons aumentou nun 70 % o último ano porque as súas aplicacións son moitas e non paran de medrar.

"Nós dedicámonos ao tema de revisións para empresas como pode ser o sector eólico, infraestruturas de pantanos ou para o sector das placas solares. Tamén facemos traballos audiovisuais e mesmo fixemos cousas con televisións internacionais", sinala Rufino.

"Aínda estamos con drons pequenos, hai outros dos que se está falando moito como os dedicados ao transporte de paquetería. Estamos con cambios de regulación e aínda queda moito por desenvolver e tecnoloxicamente é todo posible", explica Luís.

O salvamento e a seguridade marcan tamén este sector que xa traballa con cámaras termográficas para localizar persoas desaparecidas ou fan probas para achegar medicamentos a puntos illados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade