Avalían o estado do edificio derrubado a causa dunha explosión de gas en Madrid
Avalían o estado do edificio derrubado a causa dunha explosión de gas en Madrid
No sinistro faleceron dous homes de 21 e 27 anos
Os equipos de emerxencia continúan traballando no desentullo e apuntalando as vivendas danadas no edificio que este venres estourou en pleno centro de Madrid, no distrito de Salamanca.
As primeiras investigacións apuntan a un escape de gas como causa do sinistro no que faleceron dúas persoas e 19 quedaron feridas, unha en estado grave.
Os mortos son dous homes de 21 e 27 anos, que traballaban no terceiro andar cando alertaron dun forte cheiro a gas. Baixaron ao soto para pechar a chave de paso e alí quedaron sepultados baixo varios metros de entullo.
Os edificios contiguos ao da explosión foron desaloxados. Este sábado as familias propietarias podían acceder ao interior para recoller as súas pertenzas. Aínda non se sabe cando poderán regresar ás súas casas.
Bombeiros do Concello de Madrid avalían o estado do inmoble derrubado. Polo momento, consolidaron os ocos da fachada afectados e apuntalaron a estrutura do edificio.