Publicador de contidos
Publicador de contidos

Axentes da Garda Civil salvan a vida dun cativo atragoado en Ourense

Axentes da Garda Civil salvan a vida dun cativo atragoado en Ourense

O meniño xa deixara de respirar cando apareceron os gardas

Xa está fóra de perigo pero segue ingresado no CHOU

Andrés Pavón/Javier Mangana 15/08/2024 13:36 Última actualización 15/08/2024 14:10

José Antonio Carnero e Isaac Lamela son dous nomes que Yenifer Gutiérres nunca vai esquecer. Son os dous axentes da garda civil que salvaron a vida do seu fillo de só trece días de idade cando estaba a piques de morrer por causa dun atragoamento. A súa aparición e a súa intervención fixeron que o cativo volvera respirar e que chegara con vida ata o hospital de Ourense.

"A metade de camiño apareceron os gardas e o cativo xa non respiraba e estaba morado. Grazas a Deus, conseguiron reanimalo e que volvera respirar. Puidemos chegar máis calmadas ao hospital", di Yenifer Gutiérrez, a nai do cativo.

Esta muller de nacionalidade dominicana e 24 anos de idade está eternamente agradecida os dous axentes da garda civil. Sen eles, o seu fillo estaría morto. E é que a situación foi tan grave que a tía de Yenifer chegou a comunicarlle o resto da familia que o neno falecera.

"Foi Deus quen os puxo no noso camiño porque, sen eles, non chegaría vivo ao hospital. Estamos moi agradecidas", insiste Yenifer.

Os atragoamentos en cativos non son habituais pero, cando se producen, son moi perigosos. O máis importante é manter a calma e realizar as manobras de desatascamento de xeito metódico.

"Non é doado pero o máis importante é manter a calma nas manobras e, despois, acudir ás urxencias de pediatría", explica Raquel Sanmartín, pediatra residente do CHOU.

Agora o cativo xa está plenamente recuperado aínda que vai permanecer algunhas horas en observación para evitar posibles complicacións derivadas do atragoamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade