Baiona recrea a chegada da Pinta coa primicia do descubrimento
Baiona recrea a chegada da Pinta coa primicia do descubrimento
Espéranse na vila uns 150.000 visitantes durante a fin de semana
Comezou en Baiona unha nova edición da Festa da Arribada, que conmemora o regreso a España da carabela Pinta anunciando o descubrimento dun novo mundo. Así que, adentrarse esta fin de semana na vila pontevedresa é viaxar no tempo ata 1493.
É a vixésimo sétima edición dunha festa de interese turístico internacional que non pode empezar con mellores expectativas. Así o aseguran os comerciantes, que este ano duplicaron a presenza de postos na vila.
Para a fin de semana agárdanse máis de 150.000 visitantes pero esta primeira xornada adoita centrarse nos veciños, ao ser festivo local. Din que eles gozan da festa dun xeito distinto porque xa están acostumados, que lles gustan as representacións teatrais, o ambiente que se vive estes días e os disfraces.
En calquera caso, veciños e visitantes volverán gozar do gran desfile medieval, dos postos de artesanía e dos panizos indios, un símbolo da gastronomía do século XV. Como explica o seu autor, son unhas galletas feitas cos produtos que traia a Pinta do novo mundo.
As recreacións da chegada da carabela A Pinta, anunciando o descubrimento do que agora coñecemos como América, faranse o sábado ás oito e o domingo ás seis e media da tarde.