Berros e bágoas nunha nova xornada de xuízo polo asasinato da pequena Desirée
Berros e bágoas nunha nova xornada de xuízo polo asasinato da pequena Desirée
A familia da vítima valorou como esclarecedoras as declaracións dos investigadores
Agardan que as testemuñas periciais axuden a arroxar luz sobre a autoría dos feitos
O xuízo polo asasinato da pequena Desirée chegou á súa cuarta xornada de novo con tensión, con berros e con bágoas. Ana Sandamil, a veciña de Muimenta que presuntamente matou a súa filla, foi custodiada con reforzos policiais ata o interior da Audiencia Provincial de Lugo.
Ao igual que ocorreu cos sanitarios, a familia paterna de Desirée Leal valorou como esclarecedoras as testemuñas dos gardas que investigaron o caso.
José Manuel Leal, pai da vítima: "Nas declaracións dos axentes da policía xudicial da Garda Civil afirmaron en todo momento que se cometera un crime, incluso incriminando directamente a nai da miña nena".
José Luis Leal, avó da vítima: "Onte non puiden entrar porque sabía que ía haber fotos e non podo ver iso. Xa me fai mal ver a asasina, para canto máis as fotos da nena. Teño as fotos e os recordos dela de cando estaba viva".
Tanto os familiares da vítima coma os avogados das acusacións agardan que as declaracións dos peritos tamén axuden a arroxar luz sobre a responsabilidade deste crime.
Francisco José Lago, avogado da acusación popular: "As testemuñas son peritos, case todos facultativos do HULA, psiquiatras e médicos de urxencias. E axentes de criminalística, que examinaran os terminais telefónicos e a tablet onde se buscara o termo estricnina".
A xornada vindeira, que será a penúltima, continuará coas declaracións dos facultativos. Agárdase que as súas testemuñas terminen de esclarecer a autoría dos feitos.