Un montañeiro vigués volve ao Mulhacén cos axentes que lle salvaron a vida
Un montañeiro vigués volve ao Mulhacén cos axentes que lle salvaron a vida
A sección de rescate de montaña da Garda Civil rescatouno hai dous anos nun precipicio de 200 metros
Saber que estás vivo grazas á sección de rescate de montaña da Garda Civil e a un dos teus mellores amigos, esta é a sensación que ten Alberto Martínez, Berto. Hai dous anos, este vigués caeu no perigosísimo Paso dos Franceses do Mulhacén, en Serra Nevada, douscentos metros de precipicio cubertos de neve e xa co serán enriba.
O seu amigo Marco Grova viuno grazas á luz da lanterna porque os refachos de vento de 100 quilómetros por hora impedían que ambos os dous escoitasen os seus berros.
O compañeiro axiña chamou o servizo de rescate en montaña da Garda Civil. As condicións meteorolóxicas eran extremas e tardaron seis horas en chegar ao punto.
O amigo arroupou a Berto cun saco de durmir especial e entretívoo para que non quedase durmido. Non o quixo mover porque supuxo que tiña fracturas, como logo se comprobou.
No tempo estimado, chegaron os axentes, que baixaron a pé, e nas seguintes horas decidiron mobilizar o helicóptero malia o perigo. Nesta zona fan moitos rescates pero poucas persoas saen vivas. Berto é un dos sobreviventes. Os axentes salientan o seu bo humor e nula queixa, e de Marco a temperanza.
Dous anos despois xa son case amigos e nos últimos meses volveron repetir todos xuntos a ruta ao Mulhacén. Daquela quedaron a catrocentos metros pero desta volta, lograron culminar a fazaña.