Bildu rexeita limitar os pisos turísticos na nova lei de vivenda
Bildu rexeita limitar os pisos turísticos na nova lei de vivenda
Unidas Podemos negocia incluír un tope antes de que a lei se aprobe o xoves no Congreso
O BNG vai absterse
O xoves votarase a nova lei de vivenda que o Goberno pactou con ERC e EH Bildu. No tempo de desconto, Podemos intenta aínda engadir un límite para os pisos turísticos, pero os abertxales rexeitan medidas de última hora. O seu voceiro, Oskar Matute, asegurou estar "acostumado á manobra de distracción do PNV coa invasión competencial pero estráñanos que (Unidas Podemos) non se dean conta de que iso si sería unha invasión competencial".
Oskar Matute alude ao PNV, que, como o resto de partidos nacionalistas na cámara, escoran entre o voto en contra e a abstención. Este martes, o deputado do BNG Néstor Rego confirmou que se vai abster.
Outra das polémicas nesta lei xira arredor da emenda dos desafiuzamentos. Para a dereita, o goberno promove a ocupación. Segundo Iván Espinosa, de Vox, "blinda os ocupas". Para Inés Arrimadas, de Ciudadanos, "os máis felices de España van ser os ocupas".
Pero o Goberno defende a medida. Pablo Echenique, voceiro de Unidas Podemos no Congreso, cre que hai que "denunciar ese tipo de discursos de criminalización da pobreza" porque "o que fai a lei de vivenda é protexer as familias vulnerables fronte aos desafiuzamentos".
O voceiro do PSOE, Patxi López, cre que "algúns mesturan os desafiuzamentos coa ocupación" e explica que, coa futura lei, as familias en situación de vulnerabilidade serán postas en relación cos servizos sociais para buscar unha alternativa habitacional, "o resto é un invento".
Dende o PP din que non mesturan conceptos. "Cando digo que medrou un 40 % o fenómeno da ocupación e que o ano pasado foron 16.000 vivendas, non me refiro, en ningún caso, ao desafiuzamento, estoume referindo á ocupación, con k e sen k", apuntou en conferencia de prensa a súa voceira, Cuca Gamarra.