Un ano de boas colleitas de nabizas na Terra Chá
Un ano de boas colleitas de nabizas na Terra Chá
Os nabos tamén comezan a dar grelos, unha verdura versátil na nosa gastronomía
A colleita de nabizas deste ano está a ser bastante boa, tanto no tocante á calidade como á cantidade. Así o destacan os produtores da Terra Chá, que levan máis dun mes recollendo esta verdura que xa lles empeza a dar paso aos grelos.
O comportamento deste cultivo está a ser, en xeral, mellor ca o ano pasado. A planta, que en primeiro lugar dá nabizas e logo grelos, é moi delicada, así que o tempo suave das últimas semanas axudou a que na maior parte do país a colleita sexa satisfactoria.
"O tempo foi propicio para eles. Ao principio veu calor e despois choveu, pero non demasiado", explica Marta Vázquez, produtora de nabizas e grelos.
"A colleita este ano está sendo bastante boa, un pouquiño mellor ca o ano pasado. O tempo foi moi favorable, cun final do verán suave e cunhas temperaturas que acompañaron, sen grandes xeadas", conta Iván Díaz Souto, produtor de nabizas e grelos.
Os membros da asociación de produtores chairegos A Estruga están a vender o mollo de nabizas a un euro e medio, o mesmo prezo que prevén para os grelos. Segundo salientan, a boa calidade da verdura fai que goce dunha gran demanda para os pratos de inverno.
"Empezou a vir o frío e empezaron a facerse os cocidos, pero eu penso que agora cando veña o Entroido vai ser cando a xente o demande máis", di Marta.
"A nabiza estivo saíndo moi ben e en breve empezaremos co grelo, que xa está empezando a grelar. Venderemos o mollo igual, a 1,50, en principio, alí no posto da praza en Vilalba", concreta Iván.
Xa sexa no caldo de nabizas, no cocido ou no lacón con grelos, as verduras do nabo son dos ingredientes máis sans e versátiles da gastronomía galega.