O Clúster Turismo de Galicia agarda unha ocupación do 85 % na Semana Santa
O Clúster Turismo de Galicia agarda unha ocupación do 85 % na Semana Santa
O seu presidente di que necesitan cubrir 10.000 postos de traballo para a campaña
A escasos días da Semana Santa, que este ano cae a principios de abril, o sector turístico galego xa conta con boas expectativas.
"Andamos arredor do corenta, cincuenta por cento de reservas para eses tres días da Semana Santa, e todo fai indicar que teremos unha boa temporada sempre que a meteoroloxía nos axude", mantén Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia.
As previsións apuntan a acadar un 85 % de ocupación en Semana Santa pero o reto está en superar as cifras de todo o 2022, con seis millóns de visitantes. As procesións de Ferrol e Viveiro, os atractivos da costa pero tamén do interior xunto co Camiño de Santiago son os argumentos cos que atraer especialmente o turista foráneo.
"Este ano esperamos que ese incremento do turista internacional supere as cifras do ano 2019 e o vinte e sete por cento de visitantes foráneos", confía o presidente do clúster.
Porén, dende o sector turístico aseguran que non dan atopado as 10.000 persoas que necesitan para satisfacer a demanda.
"Non entendemos como habendo tres millóns e medio de parados non atopemos xente para traballar. Moita xente refírese a que non se paga; págase o que está dentro dos convenios que se asinan coas patronais. Dende logo a xente do sector necesita traballadores, xa non sabemos o que facer", confesa Cesáreo Pardal.
Piden que se chegue a un acordo entre a Administración, o sector e os traballadores para poder ofrecer un servizo de ocio de calidade.