Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Govern, "cabreado" ante a falta de respostas: "A lexislatura pende dun fío"

O Govern, "cabreado" ante a falta de respostas: "A lexislatura pende dun fío"

Vilagrà non quixo concretar se ERC retirará o apoio parlamentario ao Goberno, pero si lanzou unha advertencia: "Non podemos negociar nin falar con quen nos espía". 

"Non temos absolutamente nada que ocultar", afirmou Bolaños, convencido de que o CNI actúa "sempre conforme á lei"

Sánchez pide apoio e unidade para sacar adiante o plan contra a crise provocada pola guerra de Ucraína

G24.gal 25/04/2022 09:38

A conselleira da Presidencia da Generalitat e dirixente de ERC, Laura Vilagrà, advertiu ao Goberno de que "a lexislatura española pende dun fío" ante as súas respostas "insuficientes" sobre a espionaxe política, sobre todo despois da reunión de onte, da que o Govern saíu "moi cabreado".

Así o manifestou en declaracións a Rac1, tras a reunión do domingo co ministro da Presidencia, Félix Bolaños, quen anunciou catro medidas para "esclarecer" as denuncias de espionaxe a máis de 60 independentistas.

Nunha reunión de dúas horas en que, segundo indicou Vilagrà, o Goberno estaba "máis preocupado por perder apoios parlamentarios" e "quedaron moitas incógnitas por desvelar". "Non podemos estar satisfeitos do encontro", admitiu.

"Saímos moi cabreado, esa é a palabra, porque non tivemos as respostas adecuadas do que pasou e o que pasará", destacou Vilagrà, que advertiu de que "non basta" coas catro medidas anunciadas. "Non nos deu a sensación de que queiran que se saiba todo", engadiu.

Vilagrà non quixo concretar se ERC retirará o apoio parlamentario ao Goberno, pero si lanzou unha advertencia: "Non podemos negociar nin falar con quen nos espía". 

Bolaños espera recuperar a confianza do Govern e entende a súa inquietude

O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, manifestou este luns que espera "recuperar a confianza" do Govern de Pere Aragonès coas medidas "valentes" tomadas polo Executivo central para "esclarecer" as denuncias de espionaxe, aínda que entende a "inquietude" de quen teme ser espiado.

Nunhas declaracións a RAC1, Bolaños celebrou que onte puidera reunirse coa conselleira da Presidencia, Laura Vilagrà, para tratar de rebaixar a tensión por mor da denuncia de espionaxe a máis de 60 independentistas e para anunciarlle catro iniciativas para "esclarecer os feitos", entre elas abrir un "control interno" do CNI, "desclasificar" documentos e constituír en breve a Comisión de Segredos Oficiais do Congreso.

En contraste con Vilagrà, que tachou as medidas de "vagas" e "insuficientes" porque non contemplan, por agora, "dimisións dos responsables" da presunta espionaxe, Bolaños destacou que o Goberno "está a actuar" para aclarar o ocorrido.

A pesar de ser consciente de que a relación coa Generalitat "pasa por un momento difícil", remarcou que o que hai que facer é "recuperar a confianza".

"Temos moito por diante, moito que facer. Queremos contar con aliados parlamentarios que poidan ir facilitando que a sociedade española e catalá teñan maior calidade de vida", argumentou.

Ao Goberno, dixo, "claro que lle inquieta" este caso e "empatiza coas persoas" que denunciaron ser obxecto de espionaxe, pero ten "a conciencia tranquila" e por iso decidiu "abrir as xanelas" e "lanzar luz" sobre os feitos. "Non temos absolutamente nada que ocultar", afirmou o ministro, convencido de que o CNI actúa "sempre conforme á lei".

O CNI vai abrir unha investigación interna. Despois, a súa directora comparecerá na Comisión de Segredos Oficiais cando se reactive no Congreso e, en paralelo, tamén vai facer pescudas o Defensor do Pobo.

Outros socios habituais piden tamén dimisións. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que "o PSOE non pode intentar mirar para outro lado nin intentar minimizalo porque é un ataque mesmo á democracia".

Tamén o socio minoritario da coalición, Podemos, cre que "os responsables últimos desta operación deben dimitir inmediatamente", segundo o seu voceiro Pablo Fernández.

O PP tampouco está satisfeito coa resposta do Goberno. Non lles parece "lóxico" que a Comisión de Segredos Oficiais "poida ser o mecanismo co que o Goberno pretenda desactivar o malestar puntual dos seus socios parlamentarios". Para o seu vicesecretario de Economía, Juan Bravo, "concederlle a Bildu información sobre segredos de Estado para aplacar un problema do executivo non nos parece o mellor camiño".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade