Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bono Comercio: condición necesaria, mais non suficiente; por María Bastida

OPINIÓN

Bono Comercio: condición necesaria, mais non suficiente; por María Bastida

María Bastida 22/10/2024 08:03

O próximo 4 de novembro, os galegos poderemos acceder a unha nova edición do Bono Activa Comercio, unha iniciativa que, desde o seu lanzamento en 2021, mostrou a súa eficacia para atraer os consumidores cara ao comercio de proximidade. Este programa, que concede descontos de ata 30 euros nas compras realizadas en negocios locais, é ben recibida polos propietarios de comercios, sempre suxeitos á volatilidade do contexto económico.

Os datos proporcionados pola Xunta de Galicia apuntan a un innegable impacto: desde a posta en marcha do programa, mobilizáronse máis de 77 millóns de euros en vendas. A campaña máis recente beneficiou a 230.000 que realizaron compras por valor de 12 millóns de euros en compras, unha clara proba do éxito deste tipo de incentivos.

Con todo, e á marxe desta iniciativa, cabe preguntarse se estas medidas puntuais son realmente suficientes para asegurar o futuro dos pequenos comercios, aqueles que levan anos loitando por manterse á boia nun panorama cada vez máis dominado por grandes cadeas e plataformas en liña. O comercio local transcende as fronteiras da relevancia económica para situarse no corazón de moitas comunidades galegas.

En zonas rurais ou nas pequenas cidades, os comercios de proximidade tamén son puntos de encontro, lugares onde as relacións humanas aínda importan, onde se forxa ese trato próximo difícil de rastrexar nas transaccións impersoais da era dixital. Os comerciantes coñecen os seus clientes polo seu nome, interésanse polas súas vidas e as súas necesidades, e crean un tecido social dificilmente replicable nas grandes superficies.

Moitas destas empresas loitan por adaptarse a un mercado cada vez máis competitivo. A medida que as grandes plataformas en liña gañan terreo, os nosos pequenos comercios necesitan algo máis que incentivos temporais. Probablemente o imperativo sexa implantar un conxunto de reformas que lles permitan mellorar a súa competitividade e favorezan a súa sustentabilidade no tempo. Aquí é onde entra en xogo a “cara B” do Bono Activa Comercio.

Parece obvio que uno dos retos máis urxentes para o sector é a dixitalización, e programas como este fomentan o uso de ferramentas tecnolóxicas, como os códigos QR, que supoñen iniciar a senda da dixitalización. Con todo, isto non significa que quen rexenta estes pequenos establecementos teñan os recursos ou a formación necesarios para aproveitar plenamente estas oportunidades. En moitos casos, a falta de coñecementos ou de apoio especializado fai que a modernización sexa un proceso frustrante, que avanza a un ritmo moito máis lento do desexable e necesario.

Neste sentido, a Xunta tamén anunciou que presentará no primeiro trimestre de 2025 un Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030. Probablemente ese sexa o marco de desenvolvemento de accións e medidas concretas para avanzar na modernización dixital, a mellora das infraestruturas e a formación necesaria para poder sacar vantaxe desas novas ferramentas. Unha folla de ruta que favoreza realmente a transformación deses pequenos negocios.

En definitiva, o Bono Activa Comercio é un primeiro paso, unha medida positiva e necesaria, pero non suficiente para dar resposta ás dificultades do sector. Este tipo de iniciativas funcionan como un estímulo temporal, pero o futuro do comercio local require solucións moito máis amplas.

Se queremos que os comercios de proximidade sigan sendo a alma das nosas cidades e vilas, debemos traballar na creación de condicións que favorezan a súa competitividade, axustadas ás necesidades do sector e que permitan aproveitar as súas competencias distintivas. Unha verdadeira estratexia de revitalización que ademais de fortalecer o sector, teña o potencial de xerar un impacto expansivo que asegure o seu crecemento e expansión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade