Bota a andar en Galicia a campaña de vacinación contra a gripe e a covid
Bota a andar en Galicia a campaña de vacinación contra a gripe e a covid
O Sergas inicia a súa estratexia de dobre vacinación nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade
Tamén comeza o programa de inmunización de bebés para previr o virus respiratorio sincitial (VRS), que pode orixinar bronquiolite
Galicia comeza este luns a campaña de vacinación para protexer os colectivos máis vulnerables contra a gripe e a covid-19. Tamén bota a andar o programa de inmunización de bebés para previr o virus respiratorio sincitial (VRS), que pode orixinar bronquiolite.
O Sergas inicia a súa estratexia de dobre vacinación nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade.
A partir do 7 de outubro continúa para as persoas inmobilizadas e unha semana despois será a quenda do persoal sanitario, dos pacientes en situación de inmunosupresión e dos maiores de 80 anos.
Finalmente, a partir do 26 de outubro recibirán a dobre vacinación os grandes dependentes menores de 80 anos, as embarazadas, os grupos de risco e o resto da poboación diana.
Campaña da gripe
Ao mesmo tempo, desenvólvese a campaña da gripe para menores de 6 a 59 meses, estudantes de centros sanitarios e sociosanitarios, persoal dos centros de educación infantil e profesionais con exposición laboral directa a animais ou ás súas secrecións.
Ademais, vai dirixida á poboación fumadora, ás persoas con enfermidade celíaca e ás persoas con fístula de líquido cefalorraquídeo e implante coclear ou á espera deste, xa que teñen maior risco de complicacións desta enfermidade.
Novidades da campaña
Como principal novidade desta campaña, destaca a incorporación dunha vacina intranasal contra a gripe para menores de entre dous e cinco anos.
Este ano tamén se vacinará o persoal dos centros de educación infantil nos que haxa menores de ata cinco anos e coidadores daquelas persoas inmobilizadas nas súas casas que non poden desprazarse ata os centros sanitarios.
O obxectivo principal é diminuír o número e a gravidade das complicacións da gripe e da covid, "tentando minimizar o impacto na saúde mediante a súa prevención".
Puntos de vacinación
A vacinación contra a covid e a gripe desenvolverase en varios puntos ata o 31 de decembro: residencias de maiores, centros de discapacidade, hospitais públicos, grandes recintos e nos centros de atención primaria.
Con todo, a vacinación exclusiva contra a gripe desenvolverase nos puntos de vacinación habituais.
Virus VTS en bebés
Respecto ao virus respiratorio sincitial, na campaña anterior alcanzouse unha porcentaxe de inmunización global "superior ao 95 %" e logrouse reducir nun 90 % os ingresos por VRS.
A vacinación contra o VRS tamén bota a andar este luns e estenderase ata o 31 de marzo de 2025.
Os nados durante a campaña recibirán a inmunización no hospital tras o nacemento, os menores de seis meses serán citados a partir do 30 de setembro e os prematuros e lactantes con alto risco de enfermidade grave por VRS serán citados ao comezo da campaña.