Publicador de contidos
Publicador de contidos

O plan de sostibilidade para reactivar o sector marisqueiro galego contará con 123 millóns de euros

O plan de sostibilidade para reactivar o sector marisqueiro galego contará con 123 millóns de euros

A Xunta cifra nun 57 % a caída da facturación pola mortaldade nos bancos marisqueiros o outono pasado

O plan, que bota xa a andar, vaise desenvolver ata 2025

G24.gal 03/07/2024 15:03

O outono pasado foi desastroso para o marisqueo. Combináronse as altas temperaturas coas chuvias torrenciais, caeu a salinidade da auga e houbo mortaldades masivas nos bancos. O sector aínda está medindo as consecuencias.

"Vemos que o marisco que non estaba morto senón un pouco tocado, non foi arriba" di Xosé Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías. "Había moitísimo máis morto do que pensabamos", explica.

As estimacións da Xunta falan dunha caída do 57 por cento na facturación do sector, e de máis do 80 por cento da produción nalgúns bancos marisqueiros. Queren estudar ben os factores que provocaron esta catástrofe, máis alá do clima, e tentar revertelos.  

"O importante é conservar o recurso, establecer cal é en cada zona concreta a medida a tomar", afirma o conselleiro do Mar, Alfonso Villares. En función desas medidas que se determinen, a Xunta "disporá os fondos" para poder levar adiante "as peticións que marquen as confrarías", explica.

Será dentro do plan de competitividade e sostibilidade para o sector, que ten un orzamento inicial de 123 millóns de euros. Inclúe axudas directas e outras medidas de apoio para rexenerar as áreas marisqueiras. Desenvolverase ata 2025 pero, no inmediato, o sector é pesimista.

"A xente ten que volver ao mar, reducindo días de traballo e quilos de cota", di Xosé Manuel Rosas, presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra. Cre difícil subsistir con "dous días á semana, a dous quilos", pero entende que a próxima campaña non se poderá sacar máis marisco, "porque non o hai".

Igual preocupación comparten nas confrarías da Coruña. Para o seu presidente, Daniel Formoso, esta campaña "vai ser mala en toda Galicia". É tamén patrón maior de Muros, e di que na ría "vese que hai cría", pero que a cría "leva tempo", así que hai tensión por ver se sae adiante.

Esperan que o verán axude e que a cría medre ben, xa pensando en -polo menos- recuperar a produción para o ano seguinte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade