Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bruxelas corrixe a Planas e di que o veto nunca afectou á pesca por riba dos 400 metros

Bruxelas corrixe a Planas e di que o veto nunca afectou á pesca por riba dos 400 metros

O ministro de Agricultura e Pesca anunciaba na TVG que só se verían afectadas 41 áreas

A conselleira do Mar pide que se aclaren e insiste en que o recurso ante a xustiza europea ten que pedir a suspensión cautelar da norma

G24.gal 06/10/2022 20:50 Última actualización 06/10/2022 21:15

Nunha entrevista no Bos días desta casa, o ministro de Pesca anunciaba que Bruxelas rectificaba e que permitiría a pesca de fondo entre os 0 e os 400 metros de profundidade. Aseguraba Planas que as áreas vetadas pasaban de 87 a 41. Estas eran as súas palabras concretas.

"A Comisión Europea deunos xa a garantía por escrito de que non se aplicará dos 0 aos 400 metros. Isto supón, de feito, que a Comisión recoñece que a aplicación do regulamento non afecta esas zonas, que son 41, e tampouco afecta a maior parte da nosa frota de arrastre", dixo Luis Planas, ministro de Agricultura e Pesca.
 

Despois destas declaracións, a Comisión Europea  corrixía o ministro español. Bruxelas nega que fixese cambios no regulamento e di que a normativa xa consideraba que o veto só se aplicaba por riba dos 400 metros de profundidade, nunca por debaixo.

Recorda ademais que esta norma que vai entrar en vigor pon en práctica un regulamento que é de 2016 e que especificaba que as zonas afectadas son as dunha profundidade maior de 400 metros. Na práctica supón que case a totalidade da frota de arrastre poderá seguir pescando nesas 41 áreas, que é onde pesca habitualmente.

No Goberno galego falan de día caótico.

"Realmente isto é un galimatías que está sometendo o sector aínda a máis incongruencias. Teñen que ir traballar o domingo e creo que a estas alturas é difícil que saiban a que zonas teñen que ir", afirma Rosa Quintana, conselleira do Mar.

A noticia colleu a conselleira do Mar en Bruxelas, na Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas. Rosa Quintana insiste en que o recurso do Goberno central ten que pedir a suspensión cautelar do veto.

"Solicitamos que no recurso se pida a suspensión temporal da súa aplicabilidade e tamén queremos que o comisario reflexione, outorgue unha moratoria e analice as cousas con suficiente calma e rigor", pide Rosa Quintana, conselleira do Mar.

O regulamento, feito para protexer os fondos mariños de entre 400 e 800 metros de profundidade entra en vigor o 9 de outubro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade