Bruxelas decidirá a final de ano o peche de máis caladoiros á pesca de fondo
Bruxelas decidirá a final de ano o peche de máis caladoiros á pesca de fondo
A nova proposta ten os mesmos erros que a anterior, aseguran na Consellería do Mar
Bruxelas avaliou con representantes do sector pesqueiro europeo, entre eles as confrarías galegas, e tamén de varios países ou rexións, como Galicia, as novas recomendacións científicas sobre a pesca de fondo. O que sae da reunión non son boas perspectivas para a nosa frota e todo apunta a que a Comisión pechará a finais de ano novos caladoiros.
Da reunión telemática nin Galicia nin os representantes do sector pesqueiro saen satisfeitos.
Primeiro, porque a Comisión Europea semellou rebaixar a súa importancia ao enviar un técnico da Dirección Xeral de Mar e non a súa xefa. E porque non respondeu as dúbidas e inquedanzas.
O científicos do Consello Internacional de Exploración do Mar traballaron con datos vellos para recomendar novos peches de caladoiros no Golfo de Biscaia ou na Costa Ibérica. Na xuntanza, Bruxelas evitou pedir datos actualizados e tampouco se comprometeu a novos estudos sobre artes móbiles, como o palangre.
Fontes do sector sinalan á TVG que a Comisión tampouco se comprometeu nos diferentes escenarios para protexer máis ecosistemas mariños. E apuntan como moi probables novas vedas a finais de ano.
É un temor compartido tamén por outras fontes participantes na reunión. Tanto o sector como actores políticos critican que a Comisión non amose interese en cambiar o que cualifican como rumbo trabucado, coa prohibición á pesca de fondo en 87 áreas mariñas.
"Volven faltar datos socioeconómicos, faltan datos das diferentes artes que traballan nestas zonas", aseguraba a conselleira do Mar.
Rosa Quintana di que non se pode facer un informe con datos de 2009-2011 para o arrastre e aplicárllelo despois a todas as artes fixas.
"Tanto o ministerio coma o sector coma a Xunta trasladámoslle á Comisión o noso desconcerto cunha proposta que adoece dos mesmos erros que contiña a proposta da veda das 87 áreas mariñas".