Publicador de contidos
Publicador de contidos

Minuto de silencio e flores na honra das dez vítimas do incendio de Valencia

Minuto de silencio e flores na honra das dez vítimas do incendio de Valencia

A cidade vive o seu segundo día de loito oficial tras o lume que calcinou un edificio de 138 vivendas

O número de cadáveres localizados coincide co de persoas desaparecidas, polo que non se agarda atopar máis vítimas

Unha muller deixa un ramo de flores ante o edificio incendiado. EFE/Ana Escobar
G24.gal 24/02/2024 08:21 Última actualización 24/02/2024 20:28

O número de cadáveres localizados no edificio coincide co número de persoas desaparecidas, tras a localización este sábado dun décimo corpo. Non se agarda, polo tanto, dar con máis vítimas, pero de momento non deixarán de buscar.

"As investigacións van continuar todo o tempo necesario ata que revisemos palmo a palmo o edificio", aseguraba a delegada do Goberno en Valencia, Pilar Berbabé.

No Instituto de Medicina Legal esperan ter identificados todos os cadáveres ao longo da semana que vén.

"O máis importante é a identificación dos corpos. Xa hai corpos identificados, que creo que é unha boa noticia", explicaba a subdirectora do centro Natividad Castillo.

Dos quince feridos no sinistro, a maioría bombeiros, só queda ingresado un. Precisamente, o xefe do corpo confirmou e defendeu que seguiran o protocolo de pedirlle á xente que quedase na casa, cando o fume puxo en perigo a evacuación.

"As vivendas son o lugar máis seguro se o edificio garante as condicións de sectorización mentres nós podemos extinguir o incendio", mantiña o inspector Enrique Gisbert.

Investigación das causas

Mentres, segue estudándose a orixe do lume e as causas polas que se propagou tan rápido.
Unha empresa de investigación de sinistros contratada pola aseguradora de varios pisos ve claro o motivo principal da extensión veloz das lapas.

"O que si se ve a simple vista no que pasou aquí é que no interior desas fachadas había material combustible", dicía o seu presidente e director técnico, Félix César Alonso.

As actuacións están de momento baixo segredo xudicial, ditado para preservar as pescudas policiais e a intimidade das vítimas e das súas familias. Os arredores do edificio continúan pechados ao tráfico e con vixilancia policial.

Participantes no minuto de silencio

Pleno no Concello de Valencia

A cidade de Valencia enmudecía este sábado para lembrar as vítimas do incendio do barrio de Campanar.

Na praza do concello, veciñanza, cargos públicos, membros das forzas de seguridade e líderes políticos mantiveron un minuto de silencio en memoria das persoas falecidas, que rematou con aplausos de emoción.

A cidadanía presente quixo amosar deste xeito, e con crespóns negros, o seu pesar pola traxedia, as condolencias ás familias e a súa solidariedade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade