Buscan dous desaparecidos polas fortes choivas no centro do Xapón, que deixan seis mortos
Buscan dous desaparecidos polas fortes choivas no centro do Xapón, que deixan seis mortos
O nivel de alerta xa se rebaixou, pero hai risco de corrementos de terra na zona, aínda afectada polo sismo de principios de ano
As autoridades nipoas continúan este luns á procura de dúas persoas desaparecidas durante as choivas torrenciais que caeron durante a fin de semana na península de Noto, no centro do Xapón, e que deixaron polo menos seis falecidos.
As precipitacións récord causaron inundacións, crecidas de ríos e desprendementos de terra nesta zona, que xa fora castigada polo forte terremoto de magnitude 7,5 de comezos de ano, que deixou preto de 400 falecidos.
As seis vítimas mortais faleceron en accidentes causados polo fenómeno meteorolóxico. Dúas delas foron declaradas mortas tras ser rescatadas polas autoridades xunto a outras oito persoas que quedaran atrapadas nun túnel debido aos desprendementos de terra na localidade de Wajima.
A policía e os bombeiros atópanse así mesmo buscando outras dúas persoas que foron arrastradas por crecidas de ríos nas localidades de Noto e Suzu. Más de 400 efectivos participan nas tarefas de procura desde a véspera, a eles uníronse tamén operarios da Forza de Autodefensa (exército) do Xapón.
Entre o sábado e o domingo, Wajima recibiu uns 500 milímetros acumulados de precipitacións, mentres que Suzu, outra das localidades máis afectadas, rexistrou 400 milímetros, o dobre da choiva que adoitan recibir de media en todo o mes de setembro, segundo datos da Axencia Meteorolóxica do Xapón (AMX).
A AMX rebaixou xa ao mínimo o seu nivel de alerta na península de Noto, pero instou o público a estar atento á posibilidade de corrementos de terra, posto que o chan aínda permanece abrandado en moitos puntos por efecto do sismo de xaneiro.
As choivas tamén afectaron á subministración de auga de máis dun centenar de localidades en Noto, unha prefectura cuxas infraestruturas aínda arrastran danos do desastre natural do pasado 1 de xaneiro.