Buscan o home de 48 anos desaparecido en Gondomar hai unha semana
Buscan o home de 48 anos desaparecido en Gondomar hai unha semana
As forzas de seguridade e a familia piden a colaboración cidadá para dar co seu paradoiro
Pasaron nove días desde a desaparición de Albano Manso, veciño de Gondomar de 48 anos, ao que seguen a buscar cun amplo dispositivo nos arredores da súa casa e nos concellos de Nigrán e Baiona.
Albano saíu da súa casa o pasado xoves 19 de xaneiro e deixoulle a comida feita á nai e ao pai, dos que coida no domicilio familiar.
Ese mesmo xoves vírono na Ramallosa, no concello de Nigrán, e ao día seguinte pola noite na zona vella de Baiona, acompañado por un home. Ía vestido cunha roupa distinta á que levaba cando saíu do domicilio.
Desde entón, non houbo ningún movemento na súa conta bancaria. A familia está convencida de que a súa marcha non foi voluntaria. Piden a colaboración cidadá para dar co seu paradoiro.
É moi coñecido en toda a zona do Val Miñor, onde leva anos traballando na hostalería. Agora estaba empregado as fins de semana nun establecemento de Gondomar. Non ten coche e adoita desprazarse a pé.
O operativo de busca, no que participan 60 efectivos da Garda Civil, da Policía Local de Gondomar, voluntariado e membros de Protección Civil, vaise manter durante toda a fin de semana.