Buscan un condutor que fuxiu tras atropelar un menor en Ames e deixalo ferido
Buscan un condutor que fuxiu tras atropelar un menor en Ames e deixalo ferido
O mozo tivo que ser evacuado con varios traumatismos nunha perna
Era a unha e media da madrugada cando na central do 112 recibían unha alerta de emerxencias médicas que avisaba dun atropelo con feridos na avenida da Peregrina, unha das arterias principais da localidade de Bertamiráns, no concello de Ames.
Había unha persoa ferida, un mozo menor de idade, que segundo os primeiros testemuños foi alcanzado por un vehículo cando estaba a atravesar a estrada por un cruzamento sinalizado. A zona, moi frecuentada pola rapazada en horario nocturno, estaba chea de xente nese momento.
A vítima tivo que ser evacuada en ambulancia ao hospital clínico de Santiago. Segundo fontes da investigación, o golpe ocasionoulle varios traumatismos nunha perna. Todo apunta a que o condutor non se detivo e proseguiu a marcha sen auxiliar a vítima.
A Policía Local de Ames está tratando agora mesmo de identificar o responsable do atropelo a través das testemuñas e das diversas cámaras de vixilancia que hai no lugar. As testemuñas detallaron que era un home novo e conducía un coche de cor azul clara.
O menor, que foi trasladado ao hospital Clínico de Santiago despois do accidente, está fóra de perigo, cunha fractura de tibia e peroné.
Atropelo mortal hai quince días
Hai quince días, a poucos metros do lugar do sinistro, morría unha muller de noventa anos. Tamén estaba a cruzar a estrada por unha zona habilitada cando foi golpeada por un tractor.