Buscan un home desaparecido na contorna de Conxo desde o pasado 5 de agosto
Buscan un home desaparecido na contorna de Conxo desde o pasado 5 de agosto
A investigación corre a cargo da Policía Nacional de Santiago, en colaboración coa Policía Autonómica, cun operativo de busca terrestre e aéreo para tentar dar co seu paradoiro
A asociación SOS Desaparecidos activou a rede de caixeiros automáticos de Euronet ATM para difundir a alerta da desaparición dun home de 46 anos en Santiago, que foi visto por última vez o pasado luns 5 na contorna do barrio de Conxo.
Trátase de Fernando Fontela Fernández, de 1,76 metros, ollos marróns, pelo rapado e barba negra e cana. Sábese ademais que non levaba consigo a súa medicación. Por iso tanto a familia como as forzas de seguridade piden a colaboración cidadá para lograr calquera tipo de información que poida axudar a dar co seu paradoiro.
Aínda que a denuncia da desaparición foi posta pola súa familia na Garda Civil de Lestedo, a investigación xa pasou a mans da Policía Nacional de Santiago, ao ser o lugar onde se lle perdeu a pista. Teñen activo un operativo de busca terrestre e aéreo en colaboración coa Policía Autonómica para tentar dar co seu paradoiro.
Calquera que teña algún dato ou información sobre o mesmo pode comunicarse cos teléfonos 649 952 957 ou 644 712 806 vencellados a SOS Desaparecidos ou tamén os números das forzas de seguridade como o 091.