Bustinduy pide a empresas españolas en Israel que "non contribúan ao xenocidio en Palestina"
Bustinduy pide a empresas españolas en Israel que "non contribúan ao xenocidio en Palestina"
Segundo o ministerio, a iniciativa persegue a fin do xenocidio en Gaza e forma parte da acción política do Goberno cara ao recoñecemento do Estado palestino
O ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 Pablo Bustinduy comezou a enviar cartas a empresas españolas en Israel para pedirlles que adopten as medidas necesarias para evitar que as súas actividades "contribúan ao xenocidio en Palestina".
Ningún actor económico debe contribuir a la vulneración de derechos humanos de la población palestina.
— Pablo Bustinduy (@pbustinduy) May 8, 2024
En cumplimiento de los ODS 12 y 16, enviamos un requerimiento a empresas españolas con actividad destacada en Israel para que informen sobre medidas adoptadas para evitarlo. https://t.co/DtVHCzJIIp
Segundo explica o departamento de Bustinduy, emprázase as empresas a informaren ao Ministerio das avaliacións e estudos que realizasen para frear os riscos de abusos que puidesen entrañar as súas actividades e relacións empresariais para os dereitos humanos nos Territorios Palestinos Ocupados, incluída a Franxa de Gaza.
Tamén se insta as compañías a renderen contas sobre as medidas que están a adoptar para previr calquera consecuencia negativa que poida ocasionar a súa actividade económica na situación que se está vivindo na Franxa de Gaza e nos Territorios Palestinos Ocupados.
Bustinduy solicita ás empresas que informen sobre os mecanismos e disposicións que puxeron en marcha para que os consumidores coñezan as actuacións que están a levar a cabo e así evitar participar directa ou indirectamente das graves violacións de dereitos humanos que está a sufrir o pobo palestino.
Segundo o ministerio, a iniciativa persegue a fin do xenocidio en Gaza e forma parte da acción política do Goberno cara ao recoñecemento do Estado palestino
A carta do ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 lembra ás empresas que o pasado 26 de xaneiro a Corte Internacional de Xustiza ordenou a Israel adoptar medidas inmediatas e efectivas para impedir o xenocidio na Franxa de Gaza.
Ademais, expón distintas resolucións do Consello de Seguridade e do Consello de Dereitos Humanos das Nacións, como a que insta os Estados a adoptaren medidas para impedir que as empresas domiciliadas en territorio de Israel se absteñan de cometer violacións graves dos dereitos humanos e a que determina a responsabilidade das empresas de exerceren a dilixencia debida en materia de dereitos humanos.
Bustinduy explica que a petición de información deste ministerio ás empresas responde á preocupación que o embaixador de Palestina en España Husni Abdel Wahed mostrou recentemente durante a súa reunión co ministro sobre a vinculación de empresas europeas en actividades que poden ter un impacto directo ou indirecto nos Territorios Palestinos Ocupados.
"Trátase dunha iniciativa que persegue a procura de solucións para poñer fin ao xenocidio en Palestina e enmárcase como unha acción máis na liña política do Goberno de España, que busca recoñecer o Estado de Palestina e promover o seu ingreso como membro de pleno dereito na ONU", conclúe o ministerio.