Cae a fachada dunha casa na Cañiza
Cae a fachada dunha casa na Cañiza
As pedras esmagaron dous vehículos
O estado en que quedaron os vehículos, completamente esmagados, dá unha idea do tamaño das pedras que caeron da fachada dunha vivenda no centro da Cañiza. O ruído do golpe espertou os veciños dos edificios lindeiros.
As testemuñas din que o estrondo foi tan forte que se escoitou a varios metros. Malia o susto, coinciden na sorte de que non pasase ninguén pola beirarrúa, especialmente cativos, que empregan esa ruta para ir ao colexio.
O Concello abrira un expediente de demolición, pero os trámites prolongáronse por estar declarada a fachada de especial interese. Responsables municipais apuntan que hai uns días os técnicos revisaban o inmoble. Os residentes nas casas lindeiras apuntan que hai tempo que se sabe do problema e que xa alertaran en varias ocasións polo mal estado da propiedade.
A Garda Civil e a Policía Local cortaron o tráfico ante a posibilidade de novos desprendementos.