Cae o consumo de peixe en Galicia e o sector pide a baixada do IVE
Cae o consumo de peixe en Galicia e o sector pide a baixada do IVE
Galicia xa non lidera o consumo de peixe tras unha caída do 12 %
"Que a froita estea a un 4 % e o peixe a un 10, a froita cómese como sobremesa e o peixe cómese como comida principal e que teña un 10 non o entendemos", apunta Milagros Carrera Táboas, peixeira.
É un clamor non só do sector do mar, tamén a sociedade pídelle ao Goberno que o peixe teña a consideración de alimento básico e o seu IVE pase do 10 ao 4 %.
"Creo que no sector da alimentación, carne, peixe, leite, ovos, todo iso debería levar o mesmo IVE", pide Sonia Taboada, peixeira.
O factor económico pode estar detrás deste descenso do consumo que na última década é do 30 %.
"Nós seguimos máis ou menos a mesma tónica, 3 días á semana tomamos peixe ou ben ao mediodía ou ben pola noite, non cambiamos, pero si que é máis caro, entón as familias que teñen menos poder adquisitivo, téñeno máis complicado", comenta unha señora.
O sector pídelle ao Goberno que mire cara a Europa.
"Temos a Portugal ao 6%, temos a Irlanda e Malta ao 0 %, dentro da Unión Europea, Francia é menor, Alemaña é menor", informa Eloy García, presidente de Conxemar.
Con esta rebaixa do IVE ao 4 %, o Estado deixaría de recadar ao redor de 200 millóns de euros, pero o sector do mar advirte que a sociedade gañaría en saúde.
"Si poñen o 4 % no IVE terán que subilo en algún outro produto pois haberá que cargalo sobre os que non son saudables, os que producen efectos sobre o custo sanitario que é o que fai a obesidade que cada vez é un problema maior", continúa Eloy García, presidente de Conxemar.
Con este descenso do consumo que en Galicia é dun 12 %, deixamos de ser a comunidade que máis peixe come e quedamos fóra do podio español.
"Estabamos moi arriba, eramos os que máis consumiamos, é lóxico que unha baixada a nós nos incida máis que a outros, nisto levamos a mesma tendencia que o resto", apunta Eloy García, presidente de Conxemar.