Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cae unha seita que obrigaba a ter sexo coa líder para "curar" a homosexualidade

Cae unha seita que obrigaba a ter sexo coa líder para "curar" a homosexualidade

Os responsables facían "pseudoterapias" en Cáceres e Madrid sen autorización nin habilitación sanitaria

G24.gal 23/12/2023 11:28 Última actualización 23/12/2023 20:47

A Policía Nacional detivo nun municipio de Cáceres dous líderes dunha "seita destrutiva" que mantiña un discurso de odio cara á homosexualidade, á que consideraban unha enfermidade para a que propoñían, como terapia, manter relacións sexuais obrigadas coa líder do grupo.

Segundo informa a Policía nun comunicado, o 16 de decembro axentes deste corpo e funcionariado de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria detiveron un psicólogo e a súa dona, que dirixía esta sociedade.

Están a ser investigados pola súa presunta participación en delitos contra a saúde pública, lesións, contra a liberdade sexual, contra os dereitos dos traballadores, intrusismo profesional, coaccións, contra a integridade moral, branqueo de capitais e asociación ilícita.

A parella, ao amparo da titulación de Psicoloxía do home, realizaban distintas "pseudopsicoterapias" en establecementos que non tiñan ningunha clase de habilitación sanitaria nin autorización administrativa para iso.

Nas súas sesións utilizaban técnicas de manipulación coercitiva, coas que lograban facer "sucumbir" a vontade dos adeptos, poñendo en risco a súa saúde física e psíquica.

En moitas ocasións, chegaban a convencelos de que abandonasen terapias médicas convencionais avaladas pola evidencia científica, o que tamén supón unha fraude económica.

Estupefacientes 

De xeito habitual, facilitaban aos seus seguidores "distintas clases de estupefacientes e psicoactivos" durante as súas sesións para inducir "estados específicos de consciencia que levan á introxección das normas de comportamento social e individual esperadas".

Os detidos mantiñan un discurso de odio respecto á homosexualidade e alegaban que se trataba dunha enfermidade que se podía reverter.

A "curación" consistía na abstinencia e en manter relacións sexuais obrigadas coa líder da seita, principios avalados polo psicólogo do grupo, que consentía as relacións sexuais coa súa muller.

Os detidos levaban máis de 20 anos desenvolvendo estas actividades e chegaran a reunir máis de 50 persoas, ás que illaban da súa contorna familiar, social e profesional.

"Control total"

Dedicábanse ás funcións que lles encomendaban dentro do grupo, seguían as súas directrices e sometíanse a un "control total" ata o extremo de non teren capacidade para discernir en que lugar residir, que estudos cursar ou con quen contraer matrimonio.

A parella arrestada enriquecíase a través destas prácticas ilegais con constantes demandas económicas, polas que non recibían ningún tipo de factura nin xustificante de pago.

Rexistros

Ademais das detencións, practicáronse dous rexistros, un no domicilio dos detidos nunha ampla leira dun municipio cacereño e outro nun local en Madrid, onde realizaban terapias un día á semana.

En total interviñéronse máis de 100.000 euros en efectivo, diferentes substancias estupefacientes e diverso material informático e documental de interese, pero a Policía continúa coa análise e a recompilación de máis información económica e patrimonial.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Estremadura, a parella quedou en liberdade con cargos, coa obriga de comparecer ante o xuíz cada 15 días.

O domicilio da parella detida O domicilio da parella detida
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade