Caetano Horta mira cara a París: "Síntome con capacidade de loitar por unha medalla"
Caetano Horta mira cara a París: "Síntome con capacidade de loitar por unha medalla"
O remeiro noiés acaba de asinar un quinto posto en dobre skull lixeiro en Belgrado canda Denis Carracedo
Regresou dos campionatos do mundo de Belgrado cun quinto posto en dobre skull lixeiro e coas medallas a tan só seis segundos. Caetano Horta aspiraba ao podio, pero séntese moi satisfeito polo conseguido con Denis Carracedo na súa terceira regata.
"Iamos co obxectivo de ser campións do mundo, pero tamén os rivais. O quinto posto sabe a pouco porque soñabamos con máis, cunha medalla case segura", explica Caetano.
Agora que o ve con perspectiva, o noiés recoñece que ese quinto posto non está ao alcance de calquera. Igual que tampouco o está a participación en París, e serían os seus segundos xogos.
"Agora mesmo véxome con moi boa proxección con vistas á próxima temporada. Con pouco que melloremos podemos loitar por medallas", asegura o remeiro.
Caetano Horta di contar coa madurez que lle faltou en Tokyo en 2021. E iso que asinou un máis que meritorio sétimo posto. "En Tokyo era un neno e todo chegou moi rápido. Non me deu tempo a asimilalo ben. Así que intentei facelo o mellor posible", afirma, "pero tanto o ano pasado coma este aprendín moito, gañei moita experiencia e iso vai sumar moito para estes xogos".
E non lle treme o pulso para reclamar melloras que o conduzan ao podio en París. "Algo vai haber que cambiar, non podemos seguir como estes anos. Démonos conta de que fai falta un paso máis para estar arriba. Entre todos temos que avanzar no mesmo sentido para conseguir unha medalla en París", di con contundencia.
Unha vez rematen estas semanas de descanso, Caetano retomará os adestramentos. En outubro el e Denis Carracedo viaxarán a París para coñecer de primeira man o campo de regatas.