Calor e praias ateigadas neste primeiro domingo do verán
Calor e praias ateigadas neste primeiro domingo do verán
Prevese que o sol siga predominando en Galicia ata o xoves
Baixaron as temperaturas máximas e tamén as mínimas respecto de onte, pero Galicia seguiu gozando neste primeiro domingo de verán de bo tempo.
Na Coruña os termómetros chegaron aos 26 graos. Ás seis e media da tarde, a praia de Riazor estaba ateigada de xente.
"A verdade é que me está sorprendendo. A xente parece que xa colleu o hábito praieiro", dicía unha muller.
"Ata agora de marabilla e a auga está boísima", engadía un residente na cidade.
A auga, en efecto, está máis quente do habitual. En Riazor, por exemplo, a 22 graos.
"Aquí en Galicia a verdade é que non vai tan mal tempo como di a xente"", subliñaba unha muller.
"Eu prefiro isto que o sur porque dormes mellor", puntualizaba outro paseante.
Tamén atopamos unha chea de bañistas en Praia América, en Nigrán. Por alí a temperatura máxima chegou aos 26 graos e a da auga a 18.
"Aproveitamos que era San Xoán e viñemos pasar a fin de semana aquí. Moita xente, bo tempo e a agua marabillosa", contaba un portugués.
"O da auga é impresionante. Xa non tes que saír porque che amputou os pés", chanceaba unha bañista.
"É raro pero está moi boa", engadía outra muller.
Na semana que entra, polo menos ata o xoves, prevese que continúe predominando o sol e a calor na maior parte de Galicia, coa provincia de Ourense, unha vez máis, á cabeza nas máximas.