Cambian as barreiras de protección no lugar do accidente de Chantada
Cambian as barreiras de protección no lugar do accidente de Chantada
Na estrada N-540 segue habendo algunhas barreiras non adaptadas á normativa actual
O mesmo martes, horas despois do terrible accidente en que faleceron dous mozos chantadinos, a nova barreira de protección foi colocada de novo, pero xa adaptada á normativa actual.
Unha normativa con máis de 25 anos de antigüidade xa descartaba a colocación en forma curva desas barreiras, que poden actuar como coitelos como de feito sucedeu.
O Ministerio de Transportes só considera tres opcións: contra o noiro si existe, abatido cara ao solo, a opción escollida neste caso ou cun sistema de absorción de impactos, un dispositivo que se utiliza sobre todo en zonas moi transitadas. Ademais os operarios colocaron bolardos fronte á baliza verde para maior seguridade.
Pero o problema persiste a pouco menos dun quilómetro en dirección contraria. De novo unha barreira antiga que non cumpre coas actuais medidas de seguridade.
No enlace desta estrada nacional co desvío cara a Belesar a barreira segue en curva e en caso de accidente podería actuar contra as vítimas máis que protexelas.
O último e tráxico sinistro produciuse poucas horas despois de que o ministerio anunciara un investimento de máis de 12 millóns de euros para rehabilitar o firme, coa reposición de determinadas zonas do asfalto, regularización de beiravías, repintado de marcas viarias e disposición dos elementos de balizamento.