Capitanía Marítima da Coruña estuda pechar a navegación polas candorcas
Capitanía Marítima da Coruña estuda pechar a navegación polas candorcas
Sería unha medida temporal e só para veleiros de menos de 15 metros
Hai dous anos adoptouse unha medida similar na zona de Cedeira
Nos últimos tres días notificáronse ata dez incidentes entre candorcas e veleiros na zona da Costa da Morte. Un número moi elevado de encontros que levou a Capitanía Marítima da Coruña a poñer sobre a mesa a posibilidade de restrinxir a navegación na zona.
Gonzalo Guillén, capitán marítimo da Coruña, asegura que se finalmente se aplica esta medida sería para veleiros que navegan a menos de oito millas da costa, a unha velocidade de entre cinco e nove nós e de menos de quince metros.
Dende Capitanía Marítima recoñecen que é unha medida de difícil aplicación porque as candorcas son imprevisibles; algo co que coinciden dende a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños.
Alfredo López, biólogo da Cemma, di que hai dous grupos de candorcas que se están desprazando cara ao norte, polo que a medida so sería efectiva si estes grupos se estabilizan nunha zona.
O que queren deixar claro dende a Cemma é que en ningún caso se debe falar de ataques.
Alfredo López di que non identificaron actitudes agresivas nos encontros que se notificaron con estes cetáceos. O biólogo asegura que a intencións das candorcas é competir en velocidade coas embarcacións, xogar e practicar a destreza e a manipulación.
De aí que recomenden reducir a velocidade da embarcación ou detela totalmente.
Nos últimos dous anos notificáronse máis de 120 interaccións de candorcas con embarcacións na costa galega.